Denuncian que en moitas aldeas do Courel só se pode ver a televisión previo pago dos 400 euros dunha parabólica

xoves, 27 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

A aldea de Visuña, unha das máis prexudicadas

O Courel, coma outras comarcas xeográfica e comunicativamente illadas da nosa terra, corre dende hai tempo un serio risco de exclusión no que se refire ao pleno acceso á Sociedade do Coñecemento. Aos problemas que alí se teñen para ter unha conexión aceptable ás redes, cómpre engadir –co recente proceso do apagamento analóxico- os atrancos que se lle amosan aos seus veciños para gozar da Televisión Dixital Terrestre e as súas vantaxes. SOS Courel, se cadra a principal canle de información sobre os problemas comunicativos e medioambientais da comarca, está a dar conta estes días de inexistencia de alternativas para a veciñanza que non recibe o servizo de televisión nas aldeas de Ferramulín, Visuña e Céramo, no Concello de Folgoso do Courel. A xuízo da plataforma, a única opción que lles queda é pagar 400 euros por domicilio co fin de dispoñer dunha parabólica e o receptor correspondente.
A cousa empeora aínda máis no núcleo de Órreos, onde nin sequera se poderán instalar os ditos aparellos, informa SOS Courel, ao non contarse con corrente eléctrica.
En Canto o Concello de Quiroga, as aldeas de Vieiros, Seara, Soldón e Outeiro deberan proceder do mesmo xeito se queren recuperar a televisión”, sinálase. O caso da Seara, se finalmente se opta pola alternativa das parabólicas, estaríase a dar un paso adiante, tecnoloxicamente falando, para retroceder outro no plano turístico e etnográfico, xa que se poría en risco a feitura tradicional da aldea (unha das mellor conservadas da comarca) enchendo os seus tellados de antenas. A xuízo de SOS Courel, o problema tería solución de habilitarse unha recepción centralizada e colectiva con mantemento para que no caso de que choiva ou neve non se perda a recepción.

PUBLICIDADE