Denuncian o elevado impacto que as novas falsas tiveron en Facebook durante a campaña presidencial norteamericana

xoves, 17 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Tras a vitoria electoral de Trump nos EE.UU. moitas olladas apuntaron a Facebook, por considerar que, involuntariamente, contribuíu a que iso pasase ao non tomar medidas contra as malas prácticas de partidarios do vindeiro presidente norteamericano ao divulgar falsidades que conseguiron un nivel de interacción maior que informacións verídicas, de xeito que favoreceron a manipulación ao permanecer impasibles ante a proliferación de díxomes que conseguiron un importante impacto dentro da súa plataforma social, o que BuzzFeed vén de demostrar cunha análise.
Ao analizar os 3 últimos meses da campaña presidencial dos EE.UU. podemos ver como se disparou o número de novas falsas compartidas en Facebook, que conseguiron un alto nivel de interacción, o que multiplicou a súa difusión entre os usuarios, conseguindo superar á de cabeceiras tradicionais como o New York Times ou o Washington Post pese a chegar de páxinas web con contidos falsos ou de blogs radicais que deberían ser penalizados por Facebook para evitar que as canfurnadas publicadas conseguisen grande difusión.
Se collemos as 20 novas sobre os comicios que máis interacción xeraron os 19 maiores medios informativos sumaríase untotal de 7.367.000 compartidos, reaccións e comentarios en Facebook, mentres que se facemos a mesma análise con páxinas web con informacións falsas o volume de interaccións chegaría aos 8.711.000, ou sexa, que confirmaríanse os temores de que a verdade sucumbiu ás fábulas dentro da plataforma social de Mark Zuckerberg, o que resulta moi preocupante.
Aínda que dende Facebook aseguran que o número de novas falsas é moi reducido, iso é así se falamos sobre o total de novas, pero non se falamos das novas que conseguen un maior impacto, de xeito que as medidas que Facebook asegura que está a adoptar para evitar os titulares fraudulentos ou sensacionalistas non estarían a ser efectivas, e cada vez parece máis claro que Facebook non é unha plataforma neutral, senón que xoga un importante rol editorial, tanto de xeito automático como a través dun equipo de profesionais que vixía constantemente os contidos compartidos.
Dende BuzzFeed chegan a realizar unha selección das novas falsas co maior volume de interacción, entre as que estaría en primeiro lugar o suposto apoio do Papa Francisco a Donald Trump, en segundo a confirmación de WikiLeaks de que Hillary Clinton vendeu armas ao Estado Islámico e logo teriamos informacións que apuntan á gravidade do mal uso do correo electrónico por parte da candidata demócrata (chegando incluso a tecer teorías da conspiración).
Aínda que pode parecer que estas informacións falsas distribuídas pola Rede son algo inocente, dende BuzzFeed concluíron que a meirande parte dos contidos falsos que conseguían viralidade chegan en grande medida de máis dun cento de páxinas web políticas administradas dende Macedonia, polo que é doado concluír que estamos ante unha trama que conseguiu un nivel de efectividade moi elevado empregando trucos como crear espazos web con aparencia de xornais, repletos de novas reais, para colar no medio só unha falsidade e darlle así aparencia de veracidade.
Cómpre detallar que o nivel de interacción en Facebook non se corresponde directamente co tráfico real das novas na web, pero si ten un impacto moi grande nos usuarios que só quedan nos titulares e non afondan na información, de xeito que trunfa a desinformación grazas á falta de espírito crítico por parte da maioría da poboación.

ACTUALIZACIÓN: O Washington Post publica unha entrevista a un redactor de moitas das novas falsas que circularon nos últimos meses, quen recoñece recibir uns 10.000 dólares ao mes en publicidade de AdSense, ou sexa, que non estaría a soldo de ningún bando político, senón que desenvolvería os seus contidos sensacionalistas simplemente buscando tráfico e aproveitando a falta de criterio da xente. Paul Horner chega a declarar que o seu éxito débese a que «a xente é definitivamente máis parva. Deixan pasar as cousas. Ninguén comproba nada», e precisamente asegura que Trump chegou á presidencia por tal causa, xa que chega con que alguén realice unha afirmación para que a xente a acepte, algo que antes non acontecía con tanta facilidade.
Horner chega a dicir que Trump chegou á Casa Branca pola súa culpa, xa que os seus seareiros comparten todo e cren calquera cousa, e como exemplo citou unha nova na que desvelaba que unhas das persoas que se manifestaba contra Trump en actos públicos recibira 3.500 dólares para facer tal (como se fose preciso pagar a alguén para que manifeste o seu enfado).

ACTUALIZACIÓN: Agora é o propio Barack H. Obama quen declara publicamente a súa preocupación sobre o acontecido por considerar que as informacións falsas danan seriamente á sociedade.

PUBLICIDADE