Denegan xudicialmente a primeira orde do Ministerio de Cultura para o peche dunha páxina web

martes, 25 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O avogado David Bravo vén de dar conta dende Eldiario.es dunha vista celebrada a semana pasada para decidir o peche dunha páxina web que o Ministerio de Cultura declarara ilícita a través dunha solicitude da chamada Comisión Sinde-Wert na que pedían o peche de Goear, negándose o xulgado a executar tal demanda por considerar desproporcionado bloquear por completo unha páxina web con catro millóns de ficheiros de audio de todo tipo, entre os que no só figuran contidos protexidos por dereitos de autor, senón tamén pezas sonoras difundidas por organizacións non gobernamentais, emisoras de radio en liña, partidos políticos... e incluso profesionais da música (máis de 50.000) que empregan a plataforma de xeito promocional.
Lembremos que Goear é unha especie de YouTube con contidos sonoros, baseado nas achegas dos usuarios, polo que a plataforma só fai un labor de intermediación, eliminando os contidos que vulneren os dereitos de autor cando os seus titulares o soliciten.
A reclamación que deu pé á presentación da primeira orde do Ministerio de Cultura por mor da Comisión Sinde nace da detección por parte de AGEDI de 6.833 arquivos dos seus socios entre os catro millóns que hai en Goear, o que foi suficiente como para que o Ministerio considerase que Goear infrinxía os dereitos de propiedade intelectual, chocando de fronte coa doutrina xudicial, que en casos deste tipo (como os que afectan a YouTube) sempre considerou ás plataformas como meros intermediarios). A eliminación dos ficheiros reclamados non foi un problema para Goear, pero o Ministerio de Cultura esixía tamén que os ficheiros en concreto non puideran volver a compartirse na súa plataforma, o que precisaría dun traballo de supervisión previo imposible de cumprir para tal servizo de Internet, dado o volume do material compartido (estiman que cada día suben a Goear 241 horas de audio).
Tras a eliminación dos 6.833 arquivos reclamados, dende AGEDI detectaron que os usuarios volveron subir 34 dos mesmos, o que consideraron razón suficiente para solicitar o peche dun servizo que alberga catro millóns de ficheiros, criterio non compartido polas autoridades xudiciais, e que pon en dúbida unha vez máis a eficacia da polémica Comisión Sinde, que terá moi difícil conseguir os seus obxectivos.

PUBLICIDADE