Dende AMTEGA salientan que o novo Regulamento Europeo de Protección de Datos incrementa os dereitos dos cidadáns

venres, 29 de setembro do 2017 Redacción

Reforzar a confianza dos cidadáns no uso dos servizos dixitais é un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020 e o novo Regulamento Europeo de Protección de Datos incrementa os dereitos dos cidadáns e implica un maior compromiso das administracións públicas e das empresas neste ámbito. Así o sinalou hoxe a directora da AMTEGA, Mar Pereira na clausura da a Xornada sobre a adaptación da Lei de Protección de Datos ao Regulamento Europeo, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. No acto interviñeron tamén a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos e a directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEDP), Mar España.
A directora a AMTEGA indicou que o novo Regulamento supón unha harmonización e unidade de criterio en canto á aplicación e garantía dos dereitos dos cidadáns europeos en materia de privacidade e protección de datos e que incide en tres aspectos: a accesibilidade, a prevención e a proactividade.

Aplicación do novo regulamento europeo na Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, está afrontar as novas obrigas normativas con liñas de traballo orientadas a identificar con precisión as finalidades e a base xurídica dos tratamentos que levamos a cabo e a elaborar un Rexistro de actividades; deseñar a figura do Delegado de Protección de Datos (DPD) adaptado á contorna da administración pública galega; implementar accións de concienciación e formación para o persoal da administración e desenvolver unha guía que facilite o exercicio de dereitos por parte da cidadanía establecer o principio de transparencia como o alicerce fundamental nas relacións cos cidadáns, facilitando a información o máis completa, concisa, clara e transparente posible.

O trabalo realizado: Plan de Ciberseguridade

Todos estes medidas de adaptación enmárcanse no Plan Director de Seguridade TIC da AMTEGA, que se está a actualizar para incorporar as liñas de traballo derivadas da aparición desta nova normativa
A través deste Plan estanse a desenvolver diferentes actuacións que nos permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.
Todas estas melloras permitiron tamén unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo.
A nivel organizativo, constituíronse na Xunta de Galicia órganos colexiados coa responsabilidade do goberno dos aspectos relacionados seguridade da información, con participación de tódalas consellerías da Xunta de Galicia, a Asesoría Xurídica e AMTEGA, xa que a seguridade da información non é un aspecto unicamente técnico e é necesario elevar esta cuestión a niveis directivos das organizacións.
As liñas de actuación deste Plan Director veranse reforzadas mediante a Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), actualmente en proceso de elaboración e coa que buscamos prestar un servizo personalizado e de carácter proactivo á cidadanía, podendo a Administración ofrecer vantaxes grazas ás relacións xa existentes cos cidadáns. Para iso será necesario garantir o cumprimento da lexislación aplicable en materia de Protección de Datos e, en particular, no caso de compartición de datos entre distintos organismos da mesma administración

Formación da EGAP

Pola súa banda, a directora da EGAP resaltou o apoio constante da Escola a todas aquelas actividades formativas que contribúan á capacitación dos empregados públicos. Esta xornada comporta unha relevancia especial dentro do sector público como consecuencia do auxe da Administración electrónica, que trae consigo numerosos retos aos que os empregados públicos deberán facer fronte. Por este motivo, segundo Sonia Rodríguez-Campos, faise ineludible a convocatoria de actividades formativas que contribúan a crear un escenario de seguridade xurídica.
Esta situación motivou que na EGAP se ofrezan cursos sobre protección de datos persoais dentro do plan anual desde hai xa varios anos, tanto a través de actividades específicas como O novo regulamento europeo en materia de tratamento de datos persoais ou Seguridade da información como incluíndo estes coñecementos de maneira transversal noutras actividades formativas.

PUBLICIDADE