Demandan a Google por suposta violación de patente

venres, 10 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A firma Rosetta Stone, especializada en software de ensinanza, vén de converterse na man (xudicialmente falando) que frea ao xigante Google na súa vertixinosa carreira destes días cara ao primeiro posto do ranking de empresas vinculadas á Sociedade da Información, e a unha distancia dos seus competidores á que case dá medo asomarse. Segundo informa Reuters, a empresa Rosetta Stone distribúe unha ferramenta de aprendizaxe de idiomas que podería (o feito aínda está por probar) estar sendo obxecto dun caso de violación de patente por parte do buscador. Así o fixo saber a empresa perante o Tribunal do Distrito Este de Virgina (Estados Unidos), no que presentou unha demanda para esixirlle ao xigante en liña que “deixe de infrinxir as súas marcas rexistradas”.
A demandante afirma no texto presentado que Google está a permitir que terceiros (mesmo internautas vinculados a accións de piratería informática) fagan seu o dereito de emprego das súas marcas con licenza no seu programa de publicidade AdWords.
Logo deste labor de apropiación, engade a firma denunciante, o buscador fai uso das marcas rexistradas de Rosetta Stone como palabras clave para anuncios de pago ou inseríndoas dentro do texto ou o título de promocións de pago. Segundo Rosetta Stone, a consecuencia de toda este enleada é que se confunde aos consumidores en beneficio dos terceiros.

PUBLICIDADE