Dell tamén terá un ultraportátil de baixo custo

xoves, 29 de maio do 2008 Marcus Fernández

Nesta fotografía se pode aprezar o pequeno tamaño do equipo

Asus, MSI, HP, Airis e outros fabricantes xa teñen os seus propios ultraportátiles de baixo custo, e un dos grandes fabricantes que faltaba por dar a coñecer a súa reacción a esta nova demanda do mercado, Dell, por fin amosa a pata por debaixo da porta, e é o propio Michael Dell que o fixo durante o congreso D6, pero non presentando publicamente o equipo, senón que simplemente o levou un prototipo consigo, de xeito que algúns puideron ver o seu reducido tamaño, e algunha característica externa (3 portos USB, lector de tarxetas de memoria, saída de VGA, Ethernet e unha cuberta vermella moi rechamante).
Este novo equipo aínda non ten nome, pero se lle chama informalmente mini-Inspiron, e xa hai imaxes oficiais do mesmo, que nun principio contaría cunha pantalla de 8,9 polgadas, webcam integrada, botóns para a reprodución multimedia e a posibilidade de elixir entre varias opcións de conectividade sen fíos. O usuario tamén poderá contar con versión con Ubuntu Linux ou con Windows XP Home.

A cor do prototipo que levou Michael Dell ao D6 resulta bastante rechamante

Aínda non se sabe nin a data de lanzamento nin o prezo deste novo portátil de pequeno tamaño que comercializará Dell, pero a chegada de competidores a este tipo de produtos vai facer moi interesante a segunda parte do ano.

PUBLICIDADE