Dell afirma ter neutralizada a súa pegada medioambiental

venres, 8 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Dell, multinacional tecnolóxica de hardware, está estes días de celebracións verdes. Ao parecer, e segundo declaracións da propia compañía, os 5 millóns de dólares investidos nos últimos meses para neutralizar as súas emisións de gases contaminantes á atmosfera (CO2, principalmente) deron efecto. E mesmo antes do previsto: cun adianto de cinco meses sobre a data fixada e grazas aos traballos desenvolvidos ao longo dun ano.
Segundo contan The Inquirer e Tgdaily, neste labor de redución da pegada ecolóxica Dell afondou sobre todo en tres elementos. Primeiro: as emisións directas da súa produción enerxética e o emprego de petróleo. Segundo: ceibamento indirecto do emprego de enerxía nas súas factorías. Terceiro: a pegada dos voos levados a cabo polos seus traballadores. Facendo contas, e non precisamente empregando caderno, un par de lapises e pouco tempo, a multinacional estimou que era precisamente por mor da enerxía por onde se lles ía a maior parte da súa pegada ecolóxica.
De aí que os seus esforzos foran encamiñados, precisamente, a procurar xeitos máis eficaces, limpos e sostibles de produción enerxética (eólica, solar, gas, etc). Resultado: reducíronse as emisións en 20.000 toneladas. Con todo, a cousa non remata aí. Dell vén de descubrir que o que é bo para o mundo (menos emisións grazas a mellores recursos) tamén é positivo para ela. De feito, non só agarda xa recuperar o investido en menos de tres anos, senón que tamén prognostica para si mesma un medre nos ingresos (a menos gastos derivados do emprego dos combustibles que se extraen do petróleo, mellor rendibilidade). Entre as medidas concretas levas a cabo pola firma atopamos as seguintes: a habilitación de sensores de luz para que as lámpadas non fiquen acesas cando non hai ninguén nos espazos de traballo ou a incorporación dun sistema que xestiona enerxía nos equipos informáticos de cada un dos seus traballadores.

PUBLICIDADE