DeepMind presenta un modelo meteorolóxico global baseado en IA rápido e fiable

martes, 14 de novembro do 2023 Marcus Fernández

A revista Science vén de publicar un artigo científico sobre GraphCast, un modelo de intelixencia artificial capaz de facer predicións meteorolóxicas a medio prazo, conseguindo unha precisión sen precedentes, até o punto de conseguir predicións para 10 días dun xeito moito máis rápido que os simuladores empregados actualmente e cunha fiabilidade moi superior.
No informe elaborado GraphCast consegue un maior acerto que os modelos tradicionais no 90% dos 1.380 casos analizados, incluíndo a predición de ciclóns tropicais, ríos atmosféricos e temperaturas extremas, de xeito que estariamos ante unha tecnoloxía moi atinada para ofrecer alertas temperás ante eventos atmosféricos extremos.
Este modelo é obra de Google DeepMind como código aberto, de xeito que os seus avances poderán aproveitarse por parte de científicos e meteorólogos de todo o mundo. GraphCast adestrouse con datos meteorolóxicos de catro décadas, incluíndo información recollida por estacións meteorolóxicas e imaxes de satélite e radar, reconstruíndo así un histórico da meteoroloxía global que serve de base para que este modelo poida facer predicións de alta resolución (dividiría o planeta en máis dun millón de celas de 28 x 28 quilómetros).
Como entrada de datos a GraphCast hai que achegarse as condicións meteorolóxicas presentes e as das pasadas 6 horas, e é capaz de predicir en chanzos de 6 horas no futuro até os 10 días. Pero non estamos ante o único modelo meteorolóxico de DeepMind, xa que tamén teñen Nowcasting, para predicións máis locais a curto prazo.

PUBLICIDADE