De volta en Galicia os estudantes que participaron no Beertual Challenge en México

martes, 10 de abril do 2012 Raquel Noya

A finais do pasado mes de marzo celebrouse en México a V edición da Beertual Challenge, unha competición de negocios organizada pola compañía cervexeira Grupo Modelo, na que estudantes españois e mexicanos debían xestionar a súa propia compañía cervexeira virtual, competindo con outros equipos por facerse coa mellor administración e xerencia.
Este ano o concurso tivo presenza galega, da man de varios alumnos do Máster Oficial Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo, que xa están de volta en Galicia sen ter acadado ningún premio, porén coa satisfacción de “ter feito un moi bo traballo e de vivir unha experiencia persoal e profesional inesquecible”, aseguran no DUVI.
Neste diario dixital afirman que todo comezou como un xogo en Internet “sen máis expectativas que divertirse”, porén rematou coa defensa en México dun proxecto empresarial de seu perante directivos dalgunhas das principais empresas multinacionais do país.

O equipo da Universidade de Vigo valora moi positivamente a súa participación na final en México de Beertual Challenge. Na foto Antonio Cartolano, Elena Rivo, Carlos Fernández, Isabel Rodríguez e Dian

O equipo, formado por Antonio Cartolano, Isabel Rodríguez e Diana López, participou no evento co pseudónimo de Águila Roja, e antes de defender o seu proxecto ficticio de cervexa artesanal perante o xurado, tiveron que pasar unha serie de probas eliminatorias vía Internet, conseguindo clasificarse entre os preto de 5000 participantes iniciais.
Unha vez superadas estas probas na Rede, Águila Roja acadou un pase directo á final na categoría de mestrados, onde se tivo que enfrontar con equipos procedentes de Cantabria, México e Arxentina.
O proxecto do equipo galego consistía no lanzamento dunha cervexa artesanal no que tamén entraban en xogo as novas tecnoloxías, que malia non gañar o concurso, recibiu as felicitacións do propio director xeral do Grupo Modelo, Carlos Fernández, que lles fixo saber que “a diferenza entre os gañadores e os demais participantes foi mínima”.

PUBLICIDADE