Danse a coñecer as/os gañadoras/os do certame galego de correos electrónicos de amor

luns, 21 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O pasado venres xuntáronse en Santiago os membros do xurado do certame Lingua de Amor, unha actividade que consiste en convocar ás/aos internautas galegas/os para que acheguen cadansúa declaración de amor a través do correo electrónico. O motivo da dita xuntanza foi elixir os/as gañadores/as da cuarta edición do concurso que como cada ano organizou o Consello da Xuventude de Galicia (CXG).
O xurado estivo integrado por Dolores Vilavedra, crítica literaria; Manuel Gago, director de culturagalega.org; Francisco Alvarellos, da produtora A Casa de Música, e Yolanda Fernández e Nancy Domínguez, técnicas do CXG.
A finalidade da iniciativa é promover o uso da nosa lingua entre a mocidade, e máis polo miúdo entre a mocidade que fai uso das novas canles de lecer.
Trala reunión, resultaron gañadoras as creacións de Uxía Pérez (primeiro premio na modalidade de 14 a 19 anos), de Hugo Eiroá (segundo premio), de Jessica Amado (terceiro), Alcira Otero (primeiro premio na categoría de 20 a 35 anos), Antonio Iglesias (segundo) Carme Otero (terceiro). Na sección Cancións de Amor, impúxose Pablo González con Para beber auga e viño.
Máis en detalle, a cousa quedaría deste xeito:
· Categoría A (de 14 a 19 anos):
1.º Premio: De mesturar a túa suor coa miña colonia, Uxía Pérez González (Vigo) “Poderíamos fusionarnos. os nosos corpos. quizais tamén as nosas mentes. os sábados pola noite serían de cervexa e discos. de ti espido no sofá. do meu pelo na alfombra. de sexo. de mesturar a túa suor coa miña colonia. imaxínonos comendo cereais algunhas mañás. contándonos os hematomas das mordeduras nacidas nas noites de insomnio. en silencio.”
2.º Premio: Necesidade, Hugo Eiroá Dayán (Burela). “Se me faltas ti, e as ganas de comer, morro.”
3.º Premio: Querer con pronome, Jessica Amado Dosil (Outes). “Cheísta de corazón, nunca sei se "che quero" ou "te quero". Eu, para asegurarme, quéroche e quérote. En tódalas variedades dialectais posibles, meu sol.”
· Categoría B (de 20 a 35 anos):
1.º Premio: Imposto (r), Alcira Otero Cruz (Miño). “Solicito algo máis que un borrador, unha cita previa. Insisto por internet, por teléfono e ata na túa oficina. Síntome obrigada a declarar: ingreso alterada, reteño o medo, gasto saliva e deduzo desprezo. Só desexo IRPF, unha Íntima Relación, Por Favor!
Marca cun X o resultado:
A ingresar [ ] A devolver [ ]”.
2.º Premio: Sábesme a g(h)loria, Antonio Iglesias Mira (Arteixo). Cuando nos bicamos tu e eu somos realmente bilingües.”
3.º Premio: Amoreando amores, Carme Otero Cruz (Santiago de Compostela). “Amor sabor amorodo, amoricoque amoreído, amorío amortecedor, será amoral, amorfo ou amortizable tanto amor?”
Cancións de amor en lingua galega
1.º Premio: Para beber auga e viño, Pablo González Costas (Cangas)
2.º Premio: Terra de amor, Xesús Xosé Iglesias González (Salvaterra do Miño)
3.º Premio: Fala galego, Marcos Fernández Vázquez (Ourense)
Ademais, todas estas persoas recibirán un lote de libros e música en galego.
O sábado 26 de xuño, ás 12:00 h, terá lugar o acto de entrega de premios na Biblioteca Pública Ánxel Casal, en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE