Dakota 10 Santiago: un GPS específico para os itinerarios xacobeos

xoves, 18 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O Camiño de Santiago semella un importante pulo para a innovación tecnolóxico-dixital, tanto dende dentro da nosa xeografía como dende fóra. E de alén do territorio galego vén precisamente a nova achega da empresa norteamericana Garmin, especializada en solucións de navegación ao servizo das persoas que efectúen desprazamentos longos e desexen saber por onde pisan e, tamén, tirarlle partido os emprazamentos por onde se moven. Falamos do seu GPS “específico para os peregrinos do Camiño de Santiago”, máis polo miúdo unha edición especial do modelo Dakota 10, un equipo portátil particularmente deseñado para a viaxe todoterreo e que inclúe pantalla táctil e unha autonomía de até 20 horas. A achega Dakota 10 Santiago inclúe entre outras cousas as principais rutas de peregrinaxe que desembocan na praza do Obradoiro: Camiño Francés, Vía da Prata, Camiño do Norte, Camiño Primitivo e Aragonés. Asemade, incorpora máis de un milleiro de puntos de interese turístico da rede de peregrinación xacobea, achegando datos en detalle de onde durmir (albergues, cámpings, hostais, hoteis, casas rurais) e que visitar (igrexas, ermidas, monumentos civís, paraxes naturais, etc).
Segundo fai saber a empresa Garmin, o Dakota 10 Santiago supón unha “completa guía para afrontar este reto deportivo e humano: amais de amosar a túa posición no mapa, a distancia percorrida e a que fica por percorrer até o destino ou seguinte parada, o GPS axúdanos a planificar cada treito, en función do emprazamento de albergues e hostais e da situación exacta dos enclaves turísticos máis salientables, dos que tamén inclúe información adicional”. As súas dimensións son as propias dun equipo ultracompacto, pero destacando polo reducido da súa feitura: 5,5 x 10 x 3,3 centímetros e 191 gramos de peso, pilas incluídas. “Un detalle moi importante”, sinala a compañía, “cando a equipaxe se ten que reducir ao mínimo”. Por certo que a pantalla é de 2,6 polgadas e de 160 x 240 píxeles de resolución. Polo que respecta ao miolo do trebello, inclúe unha memoria interna de 850 mb e é quen de amorear un máximo de 200 tracks de até 10.000 puntos. Inclúe tamén saída USB para a conexión a un PC ou Mac.

PUBLICIDADE