DVDisaster: programa aberto para recuperar datos perdidos dos CDs e dos DVDs

martes, 14 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Nin os CDs nin os DVDs son as respostas definitivas ós problemas de almacenamento de datos, sobre todo no que se refire ó deterioro dos mesmos, como tampouco eran a resposta as cintas magnéticas nin os disquetes, que teñen saído voando pola fiestra de máis dun informático logo de constatar a realidade máis temida por unha persoa que traballa con computadores: a perda de datos. Dito doutro xeito: a información é moito máis valiosa cós soportes que temos hoxe en día ó noso alcance, e falta de métodos infalibles cómpre cubrirnos ó máximo as costas. Vía AGNIX atopamos un curioso método para recuperar datos dos nosos DVDs ou CDs deteriorados: o DVDisaster, un programa con licenza aberta (GNU) compatible con calquera sistema operativo e que, sen constituír a solución definitiva a todos os posibles problemas que poidan xurdir, si que ofrece certa achega de seguridade, que é máis do que temos hoxe os que usamos decote estes soportes.
O funcionamento de partida é o seguinte: o programa xera datos de corrección de erros para equilibrar os fallos que non pode solucionar a unidade lectora de CDs e DVDs, co que se amplían as posibilidades de poñer en activo un arquivo que dabamos por perdido. Logo, na reprodución en si mesma, os tramos que non se len compénsanse co arquivo de corrección de erros xerado previamente.

PUBLICIDADE