DC proba a vender unha novela gráfica de Batman na tenda de libros electrónicos de Apple

xoves, 19 de xullo do 2012 Marcus Fernández

A adaptación do mundo do cómic ao novo escenario dixital continúa a avanzar, explorando novas canles, e tras chegar con éxito ao público a través de aplicacións móbiles moi ben recibidas en dispositivos como o iPad, dende DC Comics sorprenden polo xeito no que están a distribuír dixitalmente a súa nova novela gráfica Batman: Earth One, que chegou ás tendas físicas o pasado día 10, para saltar logo a plataformas de libros electrónicos como a tenda de Kindle ou Google Play e, dende hai poucas horas, a iBookstore estadounidense, sendo o primeiro cómic da compañía en publicarse a través da tenda de libros de Apple.
Resulta curioso que esta obra de Gary Frank e Geoff Johns vexa a luz antes en tendas de libros electrónicos (no que a banda deseñada ten unha presenza anecdótica) que na plataforma de ComiXology (que nutre á aplicación oficial de DC Comics para dispositivos móbiles), no que entendemos que é unha estratexia para comprobar a efectividade doutras canles de distribución, que pode resultar rechamante para lectores habituais de banda deseñada, pero que posiblemente busque captar a lectores ocasionais (ou igual que moitas novelas gráficas tamén están dispoñibles en librarías físicas).

PUBLICIDADE