DAZN prepara unha forte suba de prezos

martes, 17 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

A plataforma de contidos deportivos DAZN vén de presentar o seu balance do ano 2022, presumindo de presenza en 200 mercados, de 15 millóns de subscritores de pagamento, de máis de 130 millóns de dispositivos conectados, de retransmitir máis de 1.200 millóns de horas de xogo, de conseguir máis de 8.000 impresións en redes sociais e incluso de ingresar 2.300 millóns de dólares, pero está é só a cara positiva da meirande plataforma deportiva en Europa, pois ten que pagar importantes cantidades polos dereitos deportivos, entre os que destacan os 470 millóns de euros que ten que pagar por cada tempada de LaLiga Santander, polo que estamos falando dunha situación na que as contas non saen, e precisamente por iso están a preparar unha suba de prezos.
No mes de marzo o paquete DAZN Esencial sube o seu prezo de 12,99 a 18,99 euros mes (a subscrición anual pasaría de 129,99 a 149,99 euros); o paquete DAZN LaLiga deixaría de estar dispoñible por separado a 18,99 euros; mantense o novo plan DAZN Victoria con fútbol feminino por 9,99 euros/mes; e o plan DAZN Total sube de 24,99 a 29,99 euros/mes en subscrición mensual e de 19,99 a 24,99 euros/mes en subscrición anual fraccionada (pagando de vez o plan anual subiría de 249,99 a 299,99 euros).
Sen dúbida estamos ante un incremento de prezos moi importante, especialmente se temos en conta que cando chegou DAZN a España tiña unha tarifa mensual de 4,99 euros/mes (aínda que pronto subiu a 9,99 euros/mes ou 99,99 euros/ano), pero é o único xeito que a compañía ten de poder ser rendible e, de feito, non ten previsto chegar a ter números negros até primeiros de 2024.

PUBLICIDADE