DATAlife alíase con Docuten para activar a dixitalización administrativa das pemes galegas

mércores, 26 de abril do 2023 S. P.

A iniciativa galega DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH) vén de formalizar un acordo coa empresa coruñesa Docuten, ao abeiro da aposta de DATAlife pola dixitalización de todos os procesos vinculados ao desenvolvemento dos proxectos empresariais integrados nas cadeas de valor da biotecnoloxía, agro-mar alimentación, forestal-madeira e saúde-coidados de Galicia. O convenio asinado entre a institución que xestiona Lucía Castro e a startup Docuten, vai dirixido a impulsar e fortalecer aínda máis a actividade transformadora de DATAlife.
Docuten achegará neste convenio a súa frutífera experiencia como startup especializada na dixitalización administrativa e automatización empresarial a través da sinatura dixital e a facturación electrónica. Estas ferramentas que automatizan as tarefas do día a día permiten que as pemes poidan rexistrar un aforro de custos e de tempo e, ao mesmo tempo, logren reducir a pegada ecolóxica.
A xerente de DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH), Lucía Castro, lembra que a alianza con Docuten serve para “ofrecer a posibilidade de dixitalizar, automatizar e axilizar os procesos da firma de documentación”. Ao seu xuízo, “mellorará a actividade do hub galego e a coordinación do ecosistema de innovación, facilitando a competitividade dos seus socios e principais actores”.
Desta maneira, a dixitalización administrativa permitirá a DIH DATAlife beneficiarse de vantaxes relacionadas coa automatización destes procesos: aumentará a eficiencia na xestión de documentos, diminuíndo erros humanos e mellorando tempos de acción, e conseguirán un aumento na seguridade e legalidade de toda a documentación xestionada.
Como dixemos, DIH DATAlife, Hub de Innovación Dixital para as Ciencias da Vida de Galicia, ten como un dos seus principais obxectivos incrementar a competitividade das pemes mediante a adopción de tecnoloxías disruptivas: Intelixencia Artificial, Internet das Cousas, Computación de Altas Prestacións e Ciberseguridade. DATAlife, para alcanzar estas metas, colabora en diversos proxectos e redes de ámbito autonómico, nacional e europeo.
Pola súa banda, a startup tecnolóxica Docuten, que dirixe Brais Méndez e que conta tamén con sede en Madrid, axuda a outras empresas para ser paperless e a optimizar a súa xestión administrativa a través dunha plataforma específica de sinatura dixital e facturación electrónica.
Entre a súa carteira de clientes están empresas de referencia en diferentes sectores como Desigual, Estrella Galicia, Arenal, Cafés Delta, Nortempo, Vegalsa, Lantania, Abanca, Northgate ou CLUN. Daniel Cerqueiro é o seu director de Márketing.

PUBLICIDADE