DATAlife Hub liderará cinco obradoiros centrados na dixitalización da industria 4.0

mércores, 9 de marzo do 2022 S. P.

DATAlife Hub de Innovación Digital, con sede en Santiago e nacida coa vontade de achegar a Intelixencia Artificial e a analítica de datos ás pequenas e medianas empresas (PEME) galegas dos sectores ligados ás ciencias da vida de cara a mellorar a súa competitividade nunha contorna global, vén de recibir boas novas pois a empresa compostelá liderará cinco obradoiros encamiñados á dixitalización da industria 4.0. Así o anunciou O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) que xa emitiu a resolución sobre estas axudas, co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, o que supón unha contía de máis de 86.000 euros.
Cómpre informar que ábrese hoxe, 9 de marzo, o prazo de inscrición para todas as empresas non tecnolóxicas interesadas nos obradoiros; o dito rexistro farase na web de DATAlife.
Os cinco obradoiros 4.0, que nacen coa axuda da Xunta de Galicia, son de interese sectorial para o DIH e impulsarán espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas na dixitalización de laboratorios, na innovación das empresas agroalimentarias da cadea de valor láctea, na mellora da calidade asistencial xerontolóxica, na sostibilidade (ODS) apoiada na dixitalización e nas solucións dixitais para as certificacións de selos de calidade.
En que consistirán os obradoiros 4.0 de DATAlife? Pois neles dotarase aos participantes dunha serie de accións como: diagnósticos individuais de madurez dixital, necesidades e obxectivos, elaboración dunha listaxe de ferramentas para os procesos produtivos, seminarios web e encontros para explicar tecnoloxías e resolver dúbidas. O Hub, no final dos procesos, redactará informes individuais para cada empresa coas correspondencias entre os diagnósticos e as ferramentas que axuden a avanzar na dixitalización no seo de cada empresa.
Os cinco obradoiros 4.0 que DATAlife impulsará son: Dixitalización de laboratorios; TOOLS4MILK: Dixitalización da agroindustria; Dixitalización innovadora de recursos xerontolóxicos de Galicia; Sostibilidade apoiada na dixitalización e Certificacións e selos de calidade apoiados na dixitalización.

PUBLICIDADE