Curtas na Rede proxecta en Verín os seus filmes máis galardoados

venres, 26 de xuño do 2009 Raquel Noya

O Telecentro de Comunicación de Verín, seguindo o exemplo do Concello de Abegondo, que está a proxectar as curtas gañadoras do concurso Curtas na Rede para mostrarlle aos veciños e veciñas do lugar a calidade do audiovisual galego, vén dar acollida tamén á primeira sesión de exhibición de curtas gañadoras nas súas propias instalacións.
Alí, a Rede de Telecentros de Comunicación de Galicia (RTC) quixo, unha vez máis, dar a coñecer todo o que se está a facer no noso país en torno ao sector audiovisual, e en concreto ao referente ás curtametraxes, e está a proxectar as curtas gañadoras das tres primeiras edicións do concurso que organiza a Secretaría Xeral de Medios en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia.
O devandito Telecentro, ao igual que o de Abegondo, está a poñer a disposición de todos os interesados en participar en Curtas na Rede 09 (cuxo prazo de inscrición remata o 10 de setembro), todos os recursos dos que dispón, como cámaras de video, material informático… que lles permite desenvolver os seus propios proxectos audiovisuais e presentalos a concurso.
Curtas na Rede, únese deste xeito, e unha vez máis, á campaña de dinamización da Rede de Telecentros de Comunicación Comunícate, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Medios nos distintos centros dependentes do Centro Mulltimedia de Galicia (CMG) co fin de dar a coñecer á poboación as distintas posibilidades que ofrecen os Telecentros de Comunicación. A través desta campaña búscase, segundo afirman os seus responsables, “que os Telecentros de Comunicación se incorporen como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía e que se constitúan en focos dinamizadores de acceso ás novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE