Curso na USC sobre as telecomunicacións como ferramenta de pulo local

mércores, 23 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago acollerá unha acción formativa sobre desenvolvemento local a través das novas tecnoloxías universais da información. Máis polo miúdo, trátase do curso Mercadotecnia Territorial e Telecomunicacións, organizado polo Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio (GIS-T), un colectivo que conta xa cunha ampla experiencia na nosa terra en materia de impulso do rural mediante un uso eficaz e racional das ferramentas dixitais. Proba disto é a iniciativa Granxafamiliar para o desenvolvemento das nosas explotacións agrogandeiras (orientada a facilitar a venda, promoción e distribución a través das redes), ou a páxina Infobrion, que foi quen de contribuír á dinamización da vida veciñal do Concello de Brión.
Volvendo ao curso en cuestión, dicir que ten como obxectivo capacitar ao alumnado na análise e discusión de casos de planificación e mercadotecnia no espazo internacional; aplicar metodoloxías comerciais en municipios concretos, á vez que proporcionar o estudo do impacto das telecomunicacións no desenvolvemento económico rexional.
A actividade, que segundo informa a USC levarase a cabo entre o 20 de marzo e o 20 de xullo, impartirase a través do sistema de formación en liña avanzado e aulas presenciais, o que suporá a obtención de 10 créditos, a metade dos cales deben lograrse para superar o curso.

PUBLICIDADE