Cuntis, Forcarei, A Illa, Moraña e As Neves participan nun proxecto piloto contra a fenda dixital

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

O deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, mantivo este luns 23 de outubro unha reunión cos concellos participantes no proxecto provincial Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural da provincia de Pontevedra para informar dos avances que se produciron no relativo a este proxecto e resolver dúbidas. Os concellos que participan nesta primeira experiencia piloto, que conta cun orzamento de 500.000 euros dos que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico achega 280.000 euros e a Deputación os 220.000 restantes, son Cuntis, Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves.
Cubela explicou que “logo de meses de traballo” o pasado 13 de outubro aprobouse o expediente de contratación para a adxudicación do contrato para implantar e desenvolver a plataforma formativa que fundamenta o hub: “É un proxecto vertebrado en dúas licitacións, esta primeira e unha segunda que se atopa en tramitación interna, referida ao deseño, impartición e formación para capacitar dixitalmente as persoas participantes”, debullou o deputado, ao tempo que lembrou que o obxectivo é “mellorar o acceso aos servizos da Administración Electrónica das persoas participantes e dotalas dunha maior autonomía nas xestións electrónicas da vida ordinaria ou sobre o uso de redes sociais”.
Para acadalo desenvolveranse sete accións formativas de cinco horas de duración en cada un dos concellos, que versarán sobre a Administración Electrónica, a xestión online do SERGAS, a banca móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Esta formación irá acompañada dun servizo de asesoramento e de titorías que se espera se desenvolva entre os meses de febreiro e maio.
Ademais, o responsábel provincial de Reto Demográfico explicou as bases para a selección do alumnado e das e dos influencers que participarán no programa: “Por unha parte, haberá un máximo de 50 alumnas e alumnos por concello, que deben ser nacidos antes de 1973 ou ser maiores de 18 no caso de que acrediten algunha discapacidade, presten servizos de axuda a domicilio ou acrediten a condición de persoa coidadora con maiores ao cargo; pola outra, as e os influencers (5 por concello participante) serán persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras, que demostrarán en primeira persoa os beneficios do uso de ferramentas dixitais, maiores de 18 anos e empadroadas no concello, e serán elixidas por unha comisión de valoración con representantes dos cinco concellos e da Deputación”.


PUBLICIDADE