Culturgal renóvase para afrontar unha caída do 55% no seu orzamento

luns, 9 de setembro do 2013 Redacción

A Feira Culturgal xa comeza a facer ruído entre os medios e entre os seareiros das moitas manifestacións creativas do noso, tal e como sinalamos os días pasados coa apertura do prazo para recibir propostas. Con todo, non será un traballo doado acadar a máxima repercusión para os innovadores obxectivos que acompañan a edición deste ano, e máis tendo en conta o decrecente apoio institucional que recibe a feira, un escaparate da nosa industria cultural con moitas xanelas e conexións coas TIC. En total, serán 120.000 euros de orzamento, un 55% menos ca no ano pasado, tal e como sinalou Xosé Manuel Aldea, director de Culturgal.
Con todo, os responsábeis da feira, que proseguirá a súa andaina ligada a Pontevedra, atreveranse cunha serie de novidades a ter en conta, como por exemplo o fincapé dado á innovación creativa ou a presentación dun novo xeito de artellar os espazos que darán acubillo ás diferentes accións do programa. Amais, achégase este ano a posibilidade de permitir aos visitantes involucrárense na supervivencia da actividade (incluíndo a opción de pago de entrada voluntario). Como dixemos, o prazo para contratar postos e propor actividades para o evento, a celebrar do 29 de novembro ao 1 e decembro, está arestora aberto. Aldea fai saber que nesta edición houbo que tomar algunhas decisións e facer responsábeis do futuro do evento a tódalas partes implicadas, tanto provedores, como participantes como visitantes, que asumen que hai que facer a feira con menos cartos. De feito, di, os límites marcados pola baixada do orzamento son moi estreitos, e só permitiran asumir a feira cun esforzo conxunto, dixo.

PUBLICIDADE