Culturgal preséntase como punto de encontro para o audiovisual galego

venres, 16 de novembro do 2012 Redacción

Será do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra onde o audiovisual galego terá o seu novo punto de encontro, trátase da Feira das Industrias Culturais tamén coñecida como Culturgal. Co gallo desta celebración e para promover o cinema galego dende a casa, Culturgal recomenda unha escolla de filmes galegos que poderán ser vistos a través da plataforma de distribución on-line Filmin. Aquelas e aqueles que se acheguen ao Pazo da Cultura de Pontevedra descubrirán dende o Garaxe traballos de colaboración entre empresas de diferentes eidos como a canle de música de R e Casa de Tolos, Tolemias ou Gaivotas Subterráneas, unha coprodución de Talía Teatro, Voz Audiovisual e RTA.
Tamén neste punto de encontro que é o Garaxe, poderanse ver proxectos futuros do cinema galego presentados por actrices, actores, directores, personaxes da programación infantil da TVG, etc.
Alén disto, cómpre subliñar a presenza no Culturgal de Luís Tosar e Farruco Castromán, que serán os encargados de desvelar todo o que xira arredor de Operación E, que ten prevista a súa estrea logo do Culturgal.
Tamén estará nesta feira Ignacio Vilar, quen traerá a súa nova película -A Esmorga- baseada na novela de Blanco Amor. Eloy Varela e Fina Casalderrey falarán de Dúas Letras (unha curtametraxe que xa recolleu boas críticas alá onde foi vista) e Xavier Belho será o encargado de someter a análise a crise económica que azouta a Europa por medio dunhas gravacións realizadas nunha viaxe en moto dende Galiza até Grecia nun proxecto multiplataforma: Crisis, What Crisis?
Da outra face da moeda atoparemos ao MAPEA Pontevedra, máis cinema a cargo do Fabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira.
En resumo, o Culturgal dará acubillo a todo aquilo relacionado co audiovisual e coas propostas vindeiras de 2013, stands de empresas do sector, debate, mesas redondas... A totalidade das actividades do Culturgal pode ser vista polo miúdo dende o programa xeral. Informar que a programación da Feira é de acceso gratuíto e inscribirse nas xornadas profesionais ten un custo de 30 euros; a inscrición pode facerse a través deste sinxelo formulario e os mestres poden inscribirse de balde a través de fprofe.

PUBLICIDADE