Culturagalega.org chega aos seus 10 anos de andaina

luns, 11 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Imaxe que recolle Archive.org da aparencia de Culturagalega.org nos seus inicios

O Consello da Cultura Galega presentou a páxina web culturagalega.org o 10 de outubro de 2000 como unha plataforma de divulgación cultural que cumpre agora 10 anos de actividade na Rede, cun modelo de seu, no que combina características dunha base de datos, un centro de recursos e un medio de comunicación, converténdose nunha interesante ferramenta para quen queira estar informado do que acontece no sector cultural galego, á vez que serve coma un interesante campo de probas para a innovación, de xeito que durante a súa andaina amosounos moitas das posibilidades que ofrece a tecnoloxía e que van dende o uso do vídeo ata o desenvolvemento de solucións móbiles para achegarse á información recollida en bases de datos de recursos culturais.
Culturagalega.org conseguiu consolidarse neste tempo coma un cibermedio que serve de emblema da nosa cultura, con contidos de calidade e variedade, permitindo que os interesados na literatura, a música, a banda deseñada e o audiovisual galegos poidan informarse dun xeito rico e áxil a través deste sistema en constante evolución que está baseado en tecnoloxías de código aberto.

PUBLICIDADE