Cultura premiará as bibliotecas municipais máis innovadoras

xoves, 8 de agosto do 2019 Redacción

A Xunta (Consellería de Cultura) vén de convocar a segunda edición do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, unha distinción que ten a finalidade de impulsar e mostrar as iniciativas que espallen e fagan medrar a cultura e o coñecemento facendo uso de novas ferramentas, tecnoloxías e metodoloxías creativas. En última instancia, o galardón porá de relevo exemplos referenciais en poñer as bibliotecas e as axencias de lectura municipais o máis preto posíbel da cidadanía, contribuíndo a dinamizar a vida local de cada concello.
Os proxectos que se presenten á convocatoria deberán cumprir os seguintes requirimentos: seren sustentábeis no tempo, innovadores e estar xa executados. Ademais, terán que estar relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, sustentabilidade ambiental e igualdade e loita contra a violencia de xénero
O premio está dotado con 3.000 euros e un distintivo de biblioteca innovadora que se poderá colocar nun lugar visíbel das instalacións así como nos seus recursos dixitais.
Segundo informa a Consellería de Cultura, impulsora do certame, poderán optar a este recoñecemento as entidades locais que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, así como as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios común.

PUBLICIDADE