Cultura e a USC fomentarán a presenza do galego nas redes sociais

luns, 29 de marzo do 2021 S. P.

A Consellería de Cultura e a Universidade de Santiago renovaron este 29 de marzo, formalmente, o seu convenio de colaboración. Fixérono até 2024 e poñendo o foco, máis ca nunca, nas novas tecnoloxías. Segundo fixeron saber, un dos grandes obxectivos é fortalecer a investigación e a presenza da lingua galega nas redes sociais e máis na mocidade. Cun investimento de máis de medio millón de euros, darase continuidade ao traballo emprendido polo Instituto da Lingua Galega (ILG).
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, renovaron este luns a colaboración de ambas institucións no eido da investigación lingüística coa sinatura dun convenio que impulsará as accións do Instituto da Lingua Galega (ILG) nas redes sociais, a mocidade e a familia, entre outras.
Trátase dun convenio de catro anos, fronte aos de dous anos asinados ata o momento, co que se “dá maior estabilidade á colaboración cos equipos de investigación da USC”, explicou o conselleiro, engadindo que a Xunta sufragará o 58% do investimento para tres liñas de investigación nas que o ILG está a traballar, mentres a USC destinará o importe restante. En concreto, o convenio permitirá pescudar no coñecemento do uso do galego da xente nova, “con estudos que analizarán como interactúan en galego nas redes sociais e nas plataformas de comunicación de texto e voz, nomeadamente a través de Whatsapp e Telegram ou similares”, engadiron Román Rodríguez e Antonio López, que recoñeceron que se vai poñer o foco tanto no estudo do uso dos recursos lingüísticos como nos non lingüísticos como iconas, emoticonas, gifs e outros materiais gráficos.
Ademais, tamén se estudarán os procesos de mantemento, transmisión e cambio de lingua nas familias galega e avanzarase nos estudos que se están a realizar no ILG sobre competencia escrita en lingua galega do alumnado de 2º de Bacharelato.
Igualmente afondarase no Atlas Lingüístico Galego, ferramenta que permite coñecer e actualizar a realidade lingüística desde o punto de vista gramatical e léxico e por zonas, e continuarase a investigar no patrimonio literario na historia e poranse en marcha, entre outros, proxectos e investigacións interdisciplinares sobre a lingua, o notariado e outros ámbitos da escrita da Galicia medieval.
O convenio desenvolverase ata o 2024 e conta cun investimento global de 825.360 euros, dos que o Goberno autonómico achegará 480.000 euros.
Esta colaboración enmárcase no traballo da Xunta pola dinamización e promoción da lingua en todos os eidos sociais. “Este ano”, fixo saber o conselleiro, “a Xunta incrementou o seu orzamento nun 53% no ámbito da política lingüística, con melloras en campañas de normalización, programas de promoción, actividades de formación ou apoio a empresas editoras para proxectos en lingua galega”.

PUBLICIDADE