Críticas polo desleixo dos políticos fronte o problema das adicións dixitais entre nenos e adolescentes

luns, 31 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

A organización Adicións Dixitais, dedicada a pór de relevo os riscos das navegacións non axeitadas entre nenos e adolescentes, vén de expresar a súa preocupación polo tratamento que se está a dar no eido da política (practicamente nulo) á cuestión do acceso libre ás novas tecnoloxías entre as novas xeracións, sen control algún dos pais, cousa que, afirman, é un problema que non para de medrar. A xuízo desta plataforma, semella que a vindeira campaña electoral pola presidencia está rifada coas emprego axeitado das novas tecnoloxías, xa que “ningún partido fixo bandeira dos problemas que expón o mal uso dos aparellos e servizos tecnolóxicos, mal uso que pode pór aos nosos fillos en situacións de risco”. Isto, din, é aplicábel á nosa Comunidade e máis ao conxunto do Estado.
A cuestión, lembran, merece ter sido en conta, e máis cun ámbito internauta inzado de nenos e adolescentes con vía libre para facer o que desexen nas canles tecnolóxicas, cousa que se ve agravada polo feito de que unha boa parte dos mesmos teñen acceso propio. Isto, lembran, non tería porqué ser un problema senón todo o contrario, xa que a Rede e os móbiles teñen vantaxes de abondo para o enriquecemento dos nenos, o problema está en que é inevitábel e necesario que todo proceso de aprendizaxe teña que ser encamiñado de maneira axeitada polos responsábeis dos pequenos.
Na comunidade galega”, engade Adiccións Dixitais, “hai 122 mil nenos con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos, mentres que en toda España a cifra ascende aos dous millóns e medio; maioría son usuarios habituais de Internet”. En concreto, sinalan, en Galicia o 89 por cento, un pouco por enriba da media nacional que se sitúa no 87 por cento. Polo que respecta ao móbil, indícase, na nosa terra úsao o 70`7 por cento fronte ao 65´8 da media nacional. “Trátase duns aparellos que fan de todo e que deberían servir para facernos a vida máis fácil, sempre que se usen de forma sensata, e en moitas ocasións a dependencia de nenos e adultos destes aparellos é excesiva”, infórmase dende a plataforma. As críticas coas que abrimos este texto son estensíbeis, por certo, a tódolos partidos políticos e con independencia da súa orientación ideolóxica: “As adiccións dixitais aumentan en Galicia e os partidos políticos non semellan amosar o menor interese por buscar unha solución a un problema que implica que as consultas dos psicólogos estean cada vez máis cheas de adolescentes adictos ao móbil, Internet ou os videoxogos, por exemplo”. Segundo Juanma Romero, fundador de Adicións, “este desleixo parte dos políticos demostra o pouco interese por algunhas das cousas que máis preocupan ás familias, un problema que medra a pasos axigantados porque os mozos, en boa medida, dependen cada vez máis destes aparellos”.
Adicións Dixitais é unha organización que imparte charlas, conferencias e organiza seminarios dirixidos a adolescentes, novos, pais, profesores e profesionais en xeral co fin de amosarlles cómo facer un uso saudable da tecnoloxía. Realiza as súas actividades en colexios, universidades, centros sociais e empresas, tanto na Península como nas illas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

PUBLICIDADE