Crean na UVigo unha ferramenta informática que facilita a diagnose de electrocardiogramas
martes, 21 de xaneiro do 2020
- O investigador e profesor Víctor Mondelo, responsábel do sistema
A
Universidade
de Vigo deu a coñecer detalles sobre unha ferramenta informática
creada no seo do Campus de Ourense: o sistema ECGDT, creado para
facilitar a diagnose dos electrocardiogramas, dando un máis que
relevante apoio ao persoal sanitario no seu quefacer diario e á hora
de tomar decisións. O responsábel do seu desenvolvemento é Víctor
Mondelo, enxeñeiro informático e profesor da UVigo, quen salienta o
carácter sinxelo e intuitivo da ferramenta, que xa está ao dispor
da comunidade científica en aberto.
A
súa orixe está na necesidade de encarar dende o punto de vista
funcional e informático o importante crecemento das doenzas
cardiovasculares, que son a principal causa de morte a nivel mundial,
especialmente nos países desenvolvidos.
A
creación da ferramenta contou coa colaboración de membros do Grupo
Lia2 da Universidade de Vigo, ao que pertence o seu autor, e foi
realizada no marco da tese de doutoramento de Víctor Mondelo,
presentada este curso académico na Escola Superior de Enxeñaría
Informática do campus de Ourense co título Sistema de Apoio á
Diagnose de Electrocardiogramas, dirixida por María José Lado e
Arturo José Méndez.
“Considerando
a elevada incidencia das enfermidades cardiovasculares, a relativa
sinxeleza coa que un electrocardiograma permite obter gran cantidade
de información sobre o funcionamento do corazón, e tendo en conta
que hoxe existen varios sistemas de monitoraxe de electrocardiogramas
pero menos alternativas de diagnose”, apunta o investigador,
“pareceunos interesante desenvolver un sistema de apoio á diagnose
de electrocardiogramas como ECGDT”. Estes sistemas, detalla, poden
emitir “unha diagnose que despois ten que ser supervisada e
validada polo persoal sanitario”.
ECGDT
é unha ferramenta estruturada, de forma que calquera usuario con
coñecementos en análise e diagnose de electrocardiogramas pode
empregala, con indepencia do nivel de coñecementos informáticos dos
que dispoña. Así, indica Víctor Mondelo, ECGDT conta cunha
interface “amigábel e intuitiva, de doado manexo e coas
funcionalidades necesarias en cada momento sempre a man”.