Creado un buscador que permite navegar pola Rede de xeito anónimo

venres, 29 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

O metabuscador Ixquick e a súa marca norteamericana, Startpage, sabedores de que moitos internautas non queren deixar rastro das procuras que fan por Internet, veñen de lanzar un novo buscador que oculta a dirección do usuario que fai a petición, algo que lle permite aos internautas navegar de xeito anónimo por toda a Rede.
Tratase dunha nova oferta que se engade ás xa existentes ofertadas por Startpage, unha empresa nacida en Nova York que actualmente é propiedade dunha compañía holandesa.
Con este servizo, o internauta introduce os criterios de busca e Startpage ofrécelle unha lista de resultados, aos cales poderá acceder de maneira anónima.
Estes sistemas de navegación anónima (apta para internautas vergonzosos seareiros da pornografía en liña), permiten consultar páxinas sen que o receptor da visita poida identificar a dirección de Internet de onde procede e evitar así que se almacene información sobre a súa visita.
Segundo vén de informar o portavoz da compañía, Catherine Albrecht, “os buscadores almacenan moita información sobre os seus visitantes e non hai garantías do emprego que poidan facer da mesma”. Tanto é así que, segundo aseguran, “Google rastrexa a orixe das búsquedsa daqueles que manifestan padecer a gripe e comparte esta información coas autoridades sanitarias norteamericanas”. De feito”, engaden, “o máximo executivo de Google manisfestou que se alguén non quere que se sepa algo que fixo, a mellor maneira de garantir a súa privacidade é non telo feito”, e agora tamén usar este buscador anónimo.
Porén o buscador non é a única técnica para acadar unha navegación anónima. Outra forma moi doada é acudir a un sitio intermediario e solicitar a páxina que se quere visitar a través del. O receptor recibirá como dirección solicitante en Internet a do intermediario e non a de quen realiza a petición.
Tamén existen servizos en liña e outros que esixen a descarga comercial dun programa que se instala no ordenador para estes fins.
O buscador facilita esta tarefa e fai máis doadas as procuras segregas pola Rede.

PUBLICIDADE