Covelo aposta pola sinalización intelixente na reitoral e a igrexa de Barcia de Mera

luns, 7 de febreiro do 2022 S. P.

O Concello de Covelo (Pontevedra) executou o proxecto de mellora da contorna da igrexa de San Martiño e da casa reitoral de Barcia de Mera. Fíxoo ao abeiro das subvencións para a mellora de infraestruturas turísticas de Turismo de Galicia e apostando de cheo por un enfoco innovador e tecnolóxico. O proxecto, no que o Concello investiu un total de 29.908,53€ (recibindo o 100% do apoio da Axencia Turismo de Galicia), permitirá aos visitantes coñecer a fondo en tres linguas (galego, castelán e inglés) os detalles históricos da igrexa a través dos seus móbiles.
Coa dita contía, o Goberno de Covelo centrou os seus esforzos en dotar a contorna de alumeado, en substituír os materiais danados polo paso do tempo ou inaxeitados esteticamente e en achegar paneis informativos tecnoloxicamente avanzados.
Respecto da sinalización intelixente, habilitáronse dúas mesas informativas para favorecer o acceso aos recursos arquitectónicos e culturais a través das novas tecnoloxías. Nestes atrís informativos atopamos unha serie de códigos Bidi ou QR que dan acceso a unha aplicación móbil na que os e as visitantes coñecerán a arquitectura monumental e a súa historia construtiva. A aplicación, vinculada ao Google Maps, é gratuíta para as persoas usuarias e permitirá acceder aos seus contidos en tres idiomas (galego, castelán e inglés).
“O rico patrimonio arqueolóxico, ambiental, histórico e monumental, a arquitectura civil e relixiosa, xunto a unha contorna de elementos naturais e monumentais salientábeis constitúe unha base sobre a que o concello pretende posicionarse coma destino turístico de calidade”, explica o alcalde Pablo Castillo.
Entre os obxectivos do proxecto figuran os seguintes: gañar en sensibilización respecto do coidado e preservación dos recursos e do medio cultural, todos eles non renovables, e favorecer a difusión e coñecemento dos recursos patrimoniais endóxenos.
A iniciativa tamén contemplou a colocación de elementos de iluminación para o que se procedeu á desmontaxe da antiga instalación eléctrica na contorna retirando apliques, focos deteriorados e a canalización soterrada e grapada ao muro; “todos eles elementos que non funcionaban”. A continuación realizouse a instalación dunha nova liña de baixa tensión e colocáronse sete proxectores LED de exteriores no chan, paredes e teitos que iluminan as fachadas da casa reitoral e da igrexa. Tamén se colocaron tres luminarias LED compactas de exterior que iluminan as escaleiras de acceso á igrexa.
Completouse coa instalación dunha nova varanda no acceso ás escaleiras e coa ocultación dos contedores de lixo cunha pantalla cubre-contedores de madeira para exterior tratada con protector funxicida, insecticida e hidrófugo.
A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera acolle cada ano o Ciclo de Música Relixiosa que atrae ao público amante da música culta, amais de autores, músicos e grupos do panorama internacional.

PUBLICIDADE