Coruña Hacks quere axudar a cidade con obradoiros participativos de aplicacións

luns, 26 de febreiro do 2018 Redacción

Os responsábeis da iniciativa Coruña Hacks (impulsada polo grupo GPUL, Coruña Developers, Árticos e GDG Coruña) veñen de anunciar o vindeiro desenvolvemento de proxectos de aplicación para as necesidades da cidade. As xeiras de traballo comezarán o 3 de marzo (de 11:00 a 20:00 no centro Ágora) e prolongarase alomenos até o mes de xuño, nos primeiros sábados de cada mes. Coruña Hacks, para que non o saiba, é un laboratorio permanente de hackatons nos “que aprender e traballar en común no desenvolvemento de prototipos de aplicacións informáticas”.
Nestes obradoiros a tempo completo teñen cabida “todas as persoas que o desexen do ámbito do desenvolvemento informático, o deseño multimedia ou interesadas no código aberto, con independencia de cal sexa o seu nivel de coñecementos”, sinalan os impulsores.
Coruña Hacks conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Laboratorio Cidadán Co-Lab, da Área de Participación e Innovación Democrática, e por suposto de Coruña Dixital, que ten entre os seus obxectivos “conectar persoas e comunidades interesadas na cultura dixital, no uso creativo e construtivo da tecnoloxía e na posta en marcha de proxectos innovadores, sustentábeis e con capacidade transformadora”. Segundo engade o Concello a conto destes obradoiros, Coruña Hacks responde a estas liñas, ao igual que outros proxectos apoiados no seu momento por Coruña Dixital, como o primeiro Hackatiño de Datos Abertos e a súa segunda edición, que desenvolveu catro proxectos de aplicacións para mellorar a mobilidade na cidade.
Neste intre as actividades atópanse en proceso de coller corpo definitivo, sobre todo no que se refire ao seu programa de relatores e temáticas concretas a tratar. Para perfilalo, Coruña Hacks está a recoller ideas e propostas na súa web, tanto de particulares como de colectivos, cun interese especial en suxestións que teñan que ver con necesidades da cidade, das súas asociacións e entidades, para traballar en resolvelas dende a perspectiva do código aberto, para, a partir de marzo, comezar a traballar.

PUBLICIDADE