Correos.es conecta aos nenos cos Reis Magos… vía e-mail
luns, 15 de decembro do 2008
Escribirlle a
carta aos Reis Magos de Oriente cada Nadal é un costume san que, lonxe de
perderse, tódolos nenos do mundo deberían ter e practicar con ilusión. Agora
ben, os tempos cambian e é probable que tanto para a realeza como para os cativos e cativas as cartas tradicionais
quedaran un tanto obsoletas e se decanten máis polo correo electrónico para
seguir mantendo o contacto con eles e facer chegar a tempo os pedidos.
O responsables do
servizo de Correos, sabedores da evolución dos medios de comunicación, veñen de
instalar un servizo de e-mail na súa páxina
web, a través do cal, os nenos e nenas que o desexen, poidan enviar os seus
encargos por correo electrónico directamente a Oriente.
De xeito
inmediato, os usuarios que envíen as súas mensaxes, reciben unha resposta
electrónica confirmándolles que a súa carta está “lista para ser cursada ao destino” e ao cabo duns días reciben un
agasallo nos seus fogares.
Antes de escribir
a carta, os nenos e nenas que se decanten por Internet, teñen que buscar a
oficina de correos en liña máis próxima a través dun divertido xogo de
animación, movendo o rato cara a dereita ou cara a esquerda e manexando a un
divertido personaxe escollido por eles mesmos. Polo camiño antes de dar coa
devandita oficina (admito que tamén probei a buscala un anaquiño) os rapaces
vanse atopando con divertidos personaxes que lles felicitan o Nadal, como un
boneco de neve, e con distintos edificios adornados coas luces máis festeiras
do ano; ao chegar á oficina, manteñen unha pequena conversa co dependente que
lles pregunta se foron bos este ano; se a resposta é afirmativa os usuarios só
terán que encher a carta e enviarlla directamente a Melchor, Gaspar ou
Baltasar.
Para os nenos e
nenas máis tradicionais, Correos habilitou, asemade, caixas de correo especiais
para os Reis Magos en 50 capitais de provincia, entre as que se atopan as
cidades de Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo.