Correos afiánzase no dixital coa adquisición de PDA para os traballadores

luns, 1 de setembro do 2008 Raquel Noya

En contra do que poderiamos pensar os adictos ás novas tecnoloxías, o servizo postal de Correos, lonxe de desaparecer, semella estar metido nunha mellora das súas ferramentas de traballo para que este xeito de comunicación (que algúns críamos obsoleto) siga a ser un dos máis empregados por onde queira que vaiamos dentro do país. Esta entidade vén de anunciar que investirá do redor de once millóns de euros en novas tecnoloxías para equipar con PDA a toda a rede de traballadores (máis de 27.000 en toda España) que compoñen o seu equipo.
A medida estenderase sobre todo nas cidades, pero tamén chegará a zona rural onde grazas a este útil “computador de man”, os carteiros poderán mellorar a calidade nos prazos da entrega dos envíos e intercambiar información e tarefas entre eles mesmos e co sistema central.
Estes dispositivos deseñados inicialmente como axenda electrónica, xa contan ata cun recoñecemento de escritura, o que facilita a entrega dos denominados produtos rexistrados, tales como certificados, paquetes, comunicacións oficiais...
Na actualidade, as PDA xa as viñan empregando, segundo vén de informar o xornal La Voz de Galicia, “os profesionais que desempeñan o seu traballo en tódalas unidades de servizo especiais (servizos urxentes) situadas nas capitais de provincia así como en Ferrol, Vigo e Burela, onde os carteiros dispoñen deste servizo dende finais do pasado mes de abril”. Marín Ourense e Santiago son outras das cidades galegas onde se levaron a cabo este tipo de actuacións piloto.
Correos ten previsto investir preto de once millóns de euros en ferramentas informáticas de mobilidade antes de finais de ano aínda que, polo de agora, non confirmou máis datos acerca da implantación, os prazos e as zonas nas que se van desenvolver.
O concurso convocado contempla a adquisición de 7.000 dispositivos, dos cales xa se fixeron con 1.900 para 137 unidades de distribución.

PUBLICIDADE