Coren estrea campaña de Nadal na Internet a cargo de Redegal

venres, 21 de decembro do 2012 Redacción

Redegal, empresa especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas do sector TIC foi elixida por Coren -cooperativa avícola e gandeira- para levar a cabo a campaña de Nadal da coñecida marca. Emporiso, logo de dúas semanas de traballo e programación, o resultado chegaba a xeito de microsite de promoción encamiñado a divulgar os produtos de Coren e achegar información polo miúdo de cada un eles, amais de receitas escollidas para a ocasión, etc.
Coren quixo salientar varios produtos para estas datas festivas, entre eles a Estrela de Nadal, o Capón, os Recheos de Etiqueta Negra, o Rotis, unha selección de Clásicos e a Pularda do Convento (en edición especial e só por encargo en Nadal). Subliñan dende Coren que a Pularda do Convento debe o seu nome á súa orixe, pois é no Convento da Clarisa de Allariz (Ourense) onde as monxas de clausura crían as aves con moito tino e dedicación.
É preciso sinalar un apartado do site, nel inclúense varios vídeos con consellos, explicacións e receitas dos produtos ofrecidos por Flavio Morganti, un restaurador e escritor de sona, natural de Italia e instalado en Ourense, quen dedica a súa vida á cociña desde a década dos setenta.
Por último, dicir que o sitio web foi desenvolvido a través dos estándares abertos en HTML5/CSS3 e jQuery, o que permite unha visibilidade dispoñible en pantalla e calquera outro dispositivo, xa sexa smartphone, tablet... mesmo de todo o contido multimedia.

PUBLICIDADE