Coremain, partner oficial da plataforma cloud Salesforce

martes, 2 de novembro do 2021 S. P.

A empresa galega Coremain é xa partner oficial de Salesforce, plataforma mundial de solucións de xestión de clientes e procesos de negocios (CRM), unha área na que a firma tecnolóxica con sede principal en Santiago, no Polígono de Costa Vella, leva mergullada dende os seus inicios haia agora tres décadas. O acordo entre as empresas é aínda máis destacábel se temos en conta que Salesforce amosa un ritmo de crecemento do 30% anual, por enriba de compañías como SAP ou Microsoft.
Salesforce, para que non o saiba, dá nome a unha ferramenta baseada na nube que integra todos os procesos de negocio para as empresas (mercadotecnia, vendas, servizo ao cliente, comercio electrónico, etc). Este feito, explican dende a empresa galega, converte a dita ferramenta “nun elemento clave nas transformacións dixitais impulsadas por Coremain”, de aí que o equipo da compañía galega traballase duramente na consecución da certificación DEX450 (Programmatic Development Using Apex and Visualforce).
“Esta nova consideración como partners oficiais”, explican dende Coremain, “achéganos un valor engadido, grazas ás maiores axilidade e flexibilidade do equipo, cunhas capacidades dixitais e cualificacións actualizadas”. Neste sentido, desde Coremain valoran “a posibilidade de ofrecer os servizos de implantación e soporte do ecosistema Salesforce”, para que os procesos dos clientes da firma galega sexan máis eficientes e, por tanto, máis competitivos. Amais, para Coremain, ser implementadores de Salesforce tradúcese “nunha excelente oportunidade para continuar medrando con novos proxectos e consolidando así o noso posicionamento no ecosistema de compañías IT”.

PUBLICIDADE