Convocada a terceira edición dos Premios Fundetec

mércores, 31 de outubro do 2007 Raquel Noya

a gañadora do primeiro á Mellor Iniciativa Tecnolóxica para Empresas e Autónomos do pasado ano, a empresa NovaPyme

Co fin de recoñecer aquelas entidades públicas e privadas que fomenten o desenvolvemento da Sociedade da Información e o emprego das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), Fundetec vén de convocar a terceira edición dos premios do mesmo nome e que este ano inclúen catro novas categorías.
As empresas e entidades que desexen presentar a súa candidatura ós devanditos galardóns deberán dispor de proxectos que teñan como finalidade reducir a fenda dixital existente en España e que comezaran a executarse a partires do 30 de xuño de 2005, con independencia de que xa finalizasen ou continúen aínda en período de execución.
Mentres que na súa última convocatoria, os premios se centraron en iniciativas de entes non lucrativos e da Administración pública, este ano, como novidade, Fundetec tamén distinguirá aquelas iniciativas dirixidas a fomentar o uso das TIC entre as pequenas e medianas empresas, autónomos e o colectivo de cidadáns tanto de entidades públicas como privadas, establecendo as seguintes categorías a maiores:
-Mellor proxecto de entidade non lucrativa destinado a cidadáns.
-Mellor proxecto de entidade non lucrativa dirixido a pequenas e medianas empresas e/ou autónomos.
-Mellor proxecto de entidade pública ou privada destinado a cidadáns.
-Mellor proxecto de entidade pública ou privada dirixido a pequenas e medianas empresas e/ou autónomos.
Os proxectos gañadores recibirán unha placa conmemorativa feita de vidro esmaltado creada especialmente polo artista José Luis Berrocal para a ocasión.
Asemade, como vén sendo habitual neste concurso, a entidade sen ánimo de lucro galardoada e cada unha das dúas primeiras categorías recibirá un premio en metálico por un importe de 15.000 euros, mentres que a entidade pública ou privada que resulte premiada será recoñecidas cun diploma acreditativo para cada categoría.
O prazo de recepción de candidaturas finalizará o vindeiro 15 de decembro de 2007 e a mediados do mes de xaneiro de 2008 daranse a coñecer os nomes dos tres finalistas de cada categoría seleccionados polo xurado. A entrega de premios terá lugar en Madrid a comezos de marzo do 2008.

PUBLICIDADE