Convocada a segunda edición do galardón Altia Premia TFG ETSE

mércores, 10 de marzo do 2021 S. P.

A empresa tecnolóxica Altia e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC convocaron a nova edición (a segunda) do galardón #AltiaPremia TFG ETSE, dirixido a distinguir e visualizar os mellores Traballos Fin de Grao. O premio é froito da estreita colaboración que manteñen dende hai anos a firma TIC galega e ETSE de Santiago, onde se imparte o Grao en Enxeñaría Informática.
Altia, de feito, ten participado dende os seus inicios no Foro de Emprego da ETSE, incorporando estudantes á empresa “cuns resultados excelentes”. Segundo indica Miguel Ares, xerente de Proxectos en Altia, moitas e moitos das e dos estudantes quedaron a traballar na firma como parte do persoal ao rematar cadanseus períodos de prácticas. O premio é un paso máis alá nesta estreita relación.
Os criterios do galardón son variados, segundo explica Miguel Ares, que recoñece que a avaliación dos TFG é “unha tarefa moi difícil”, porque, tal e como quedou demostrado o ano pasado, engade, “a calidade dos traballos é altísima”.
Para determinar a quen vai dirixido finalmente o recoñecemento avalíase a calidade do TFG e outros aspectos como a adaptación como produto ao mundo empresarial e a súa aliñación ás liñas estratéxicas de Altia, como poden ser temas de análise de datos masivos (Big Data), a Intelixencia Artificial (IA) ou a Ciberseguridade.
O premio inclúe unha importante contía en metálico e, segundo engade Miguel Ares, as vantaxes de ser recoñecido, mostrado e visualizado: “Que un traballo sexa recoñecido no ámbito académico é parte da súa traxectoria como estudantes, pero que un traballo sexa recoñecido no ámbito empresarial pode abrir moitas oportunidades na vida laboral que ten por diante calquera egresado”.

PUBLICIDADE