Convocada a 16 edición dos Premios EmprendeXXI

martes, 25 de outubro do 2022 S. P.

CaixaBank, a través de DayOne, a súa división especializada en empresas tecnolóxicas e os seus investidores, e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través de ENISA, convocan a 16ª edición dos Premios EmprendeXXI, galardóns ao emprendemento que enxalzan as máis innovadoras e puxantes iniciativas novas de mercado nas dezasete comunidades e tamén en Portugal. As empresas de alicerce tecnolóxico con menos de tres anos de actividade poden presentar a súa candidatura a través da web do certame desde o 26 de outubro ata o 5 de decembro.
Nesta edición, entregaranse 19 galardóns a nivel territorial ás empresas de nova creación con maior impacto no seu territorio: 17 en España (un por comunidade autónoma) e 2 en Portugal (zona norte-centro e Lisboa-sur e Illas). Nesta fase, os gañadores recibirán un premio en metálico de 6.000 euros.
En paralelo, premiarase ás empresas, de calquera territorio, que ofrezan as mellores solucións a algúns dos retos actuais para a entidade e para a sociedade en xeral. As empresas seleccionadas para esta categoría obterán un premio en metálico de 20.000 euros. En total, definíronse un total de 6 retos:
-BancaXXI. A transformación dixital e tecnolóxica do sector financeiro. Solucións innovadoras que acheguen valor á oferta de produtos e servizos do sector financeiro (banca e seguros).
-CidadeXXI. Cidades máis sustentábeis, seguras, conectadas e adaptadas. Dirixido a empresas que expoñan solucións para facer que as cidades e vilas onde vivimos sexan máis respectuosas co medio ambienta, seguras, conectadas e con mobilidade adaptada.
-PlanetaXXI. A sustentabilidade ambiental, un planeta mellor para as novas xeracións. Este reto busca propostas innovadoras que axuden a atopar a mellor solución para un estilo de vida menos agresivo cos recursos naturais.
-SilverXXI. Asegurar o envellecemento activo e unha vida longa e sa a través da tecnoloxía. Este reto diríxese a sectores como o agetech, ciencias da vida, e-Saúde, mobilidade reducida, turismo sénior, deporte, fitness… En definitiva, trátase de innovar en todo aquilo que axude a mellorar a saúde dos cidadáns a través da tecnoloxía.
-SementeXXI. Transformación dixital e innovación no sector agroalimentario. Solucións tecnolóxicas relacionadas coa industria agroalimentaria para establecer unha produción máis eficiente, efectiva, sustentábel e saudábel.
-ViveXXI. Dixitalización, novos modelos de negocio e reactivación do sector hostaleiro, restauración, turismo e lecer. Solucións que axuden á reactivación do sector, así como novos modelos de negocio innovadores e solucións que contribúan á súa dixitalización.
Os galardóns contan co apoio de diferentes áreas de negocio e divisións de CaixaBank: AgroBank, CaixaBank Dixital Business, CaixaBank Payments.

PUBLICIDADE