Converten un MSI Wind nun ficticio MacBook Nano

martes, 11 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Dende o verán moitos blogs veñen publicando vídeos de ordenadores ultraportátiles de baixo custo funcionando con versión crackeadas do Mac OS X para funcionar en PC, o que non debería sorprender a ninguén, pero un taiwanés foi máis aló, e aparte de instalar o sistema operativo de Apple nun MSI Wind, personalizou a carcasa de dous modelos deste equipo (un negro e outro branco) substituíndo o logotipo de MSI por a icona da mazá da compañía de Cupertino e incluso colocando baixo a pantalla unha etiqueta que os bautiza coma MacBook Nano, o que case dá o pego, parecendo un auténtico ultraportátil de Apple (equipo que non parece que vaia a chegar nunca ao mercado pese aos insistentes rumores).
As imaxes destes equipos están a causar furor en Flickr, onde tamén se pode ver parte do proceso de personalización do ultraportátil de cor negra. Os equipos estarían equipados cun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz, con 2 Gb de RAM, 320 Gb de disco duro, lector de tarxetas de memoria e unha pantalla de 10 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, operando indistintamente con Windows XP e Mac OS X 10.5.5.
Obviando o excelente acabado destes equipos (que parecen destinados ao uso persoal do autor deste proceso de tuneado) este MacBook Nano ficticio creou certo rebumbio na Internet, pois parece que son moitos os maqueiros que buscan un auténtico ultraportátil (categoría na que non entra o MacBook Air), polo que sería desexable que Apple atendese as súas súplicas (especialmente se presenta un equipo de relativo baixo custo).

A cuberta do portátil dá o pego coma un produto de Apple
A diferenza de tamaño entre un MacBook Pro de 17 polgadas e un MSI Wind é notable

PUBLICIDADE