Continúan as presións a Apple para facilitar o acceso aos datos do iPhone dun terrorista

venres, 19 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A polémica sobre a negativa de Apple a crear unha porta traseira que facilite o acceso ao contido almacenado nun iPhone solicitada polas autoridades federais norteamericanas continúa a estar de actualidade, xa que o Departamento de Xustiza vén de presentar unha moción para forzar a Apple a cumprir coas esixencias do FBI para facilitarlles o acceso ao teléfono empregado polo terrorista Syed Rizwan Farook, falecido nos atentados de San Bernardino.
Tim Cook asegura que ceder ás presións dos federais suporía crear unha fenda que podería expor a privacidade dos seus usuarios e violentar os dereitos civís, criterio co que coinciden outras empresas do sector tecnolóxico como Facebook, Google e Twitter. En contraste, a Casa Branca saíu en defensa do FBI, e insiste en que as esixencias dos federais afectan a un único dispositivo, mentres que dende Apple sosteñen que unha vez creada a ferramenta que poida vulnerar a seguridade dun único dispositivo non hai garantías de que non poida empregarse de xeito masivo.
O Departamento de Xustiza rexeita os argumentos de Apple, asegurando que se trata dunha “estratexia de marketing”, o que non parece ter moito sentido, xa que a negativa de Apple de colaborar coas autoridades é unha folla con dous gumes, de xeito que non son poucos os cidadáns que se opoñen á compañía de Cupertino e incluso o candidato presidencial Donald Trump fixo un chamamento a boicotear a Apple.
A nova moción aínda non sería de obrigado cumprimento, polo que Apple aínda pode oporse, pero hai un detalle que está a incrementar a polémica, como é o feito de que nun principio non tería que ser preciso acceder aos datos no iPhone do terrorista de poder acceder aos datos do dispositivo almacenados en iCloud, que Apple si estaría en condicións de entregar ás autoridades, pero esta solución razoable podería terse frustrado por culpa dun funcionario do condado de San Bernardino, que tería mudado as credenciais do iPhone a través da Internet, impedindo así que o smartphone activase a súa copia de seguridade automática, achegando a información requirida á nube de Apple.

PUBLICIDADE