Continúan a tirar proveito da polémica do Cliente nº 9

venres, 14 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Anuncio de Virgin Mobile

A polémica do ex-gobernador Eliot Spitzer continúa a dar moito xogo na Internet, e o Cliente nº 9 aparece agora tamén nunha campaña publicitaria da operadora Virgin Mobile en Canadá na que se anima a contratar os seus servizos a usuarios «cansos de ser tratados coma un número». O anuncio sairá en 2 xornais de Toronto durante esta semana, pero xa está a ter repercusión mundial (semellante ós anuncios de Ryanair nos que se empregaba a imaxe de Nicolas Sarkozy).

Fotografía de Ashley Alexandra Dupre publicada en AmieStreet.com

Pero a auténtica estrela deste escándalo parece que será unha das mozas das que contratara os seus servizos Spitzer (a 1.000 dólares a noite), alcumada Kristen, e da que se deu a coñecer o seu nome real e o seu perfil en MySpace. Resulta que Ashley Alexandra Dupre pretende dedicarse ó mundo da canción, e en MySpace se podía escoitar o seu primeiro tema, que se podía mercar na tenda virtual Amie Street por 0,98 dólares, e que se está a converter no tema máis vendido en tal web, de aí que incorporen unha segunda canción da artista que máis espectación está a crear nos EE.UU.
Aproveitando o tirón da moza de 22 anos en MySpace tamén houbo unha incidencia o pasado xoves, pois o perfil da artista desapareceu accidentalmente da web e foi ocupado por un tal Johnny, que aproveitou o colapso do espazo que estaba a ser visitado por millóns de usuarios para crear un novo perfil de MySpace baixo o seu mesmo enderezo, o que foi arranxado polos responsables do servizo, que advertiron que tales prácticas violaban as súas normas.
Estariamos ante un caso de incidencia técnica que se aproveita para facer unha broma.

PUBLICIDADE