Contact mostrou ás empresas ourensás o que poden facer coas súas webs e blogs para gañar competitividade
xoves, 19 de abril do 2018
Este mércores
18 de abril celebrouse na Tecnópole de Ourense unha charla sobre as
vantaxes da dixitalización para as empresas e sobre os pasos a
seguir para conseguila plenamente. O encontro, dirixido a
empresarias/os da Tecnópole e do Polígono de San Cibrao das Viñas,
consistiu nun almorzo tecnolóxico con César González, director
executivo (CEO) de Contact
Comunicación, empresa local responsábel de importantes e
innovadores desenvolvementos tecnolóxicos. Segundo fixo saber, a
dixitalización non debe ser exclusiva das grandes empresas: é un
proceso decisivo para que as PEME non perdan competitividade nin
capacidade para captar e en manter clientes na evolución continua do
mercado.
O CEO de Contact Comunicación mostrou as
metodoloxías que se deben abordar para que o proceso sexa efectivo,
o que inclúe “un enfoque transversal” que debe abranguer todos
os departamentos da empresa. “O máis importante é a páxina web
corporativa, o referente principal a nivel de imaxe de calquera
empresa na actualidade, e é esencial que se contemple como o
epicentro de calquera estratexia comercial”, sinalou, poñendo o
foco tamén na importancia dos blogs, que “teñen que empregarse
para compartir coñecemento tendo en conta o perfil do noso lector e
respectando un ritmo de actualización coherente cos nosos
obxectivos”. Na súa opinión, “un blog que non se actualiza
desde hai ano e medio significa que a empresa está morta”,
afirmou.
Polo que se refire a as redes sociais, recomendou
non só publicar, senón interactuar “para formar parte do
ecosistema”, e utilizar imaxes, ou mesmo mellor vídeos, sempre que
sexa posíbel. González tamén fixo fincapé na importancia de
segmentar de maneira axeitada tanto no que se refire ás bases de
datos como á mercadotecnia por correo electrónico. Por outra banda,
incluíu o posicionamento (SEO) e a mercadotecnia (SEM) en buscadores
como “un reforzo xa case indispensábel da estratexia dixital aínda
nas empresas máis pequenas”.