Constituído o órgano colexiado que velará pola axeitada implantación da eAdministración a nivel galego

luns, 3 de novembro do 2014 Redacción

O Executivo galego informou o pasado sábado que vén de dar forma á Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, que constitúe o órgano colexiado de máis alto nivel do sector público autonómico e que, segundo expón a Xunta, é responsábel do impulso, coordinación e decisión no eido da seguridade da información e do eGoberno. Na súa constitución (un proceso presidido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA), participan todas as consellerías. Logo de ter collido forma definitiva, a Comisión dará acubillo a tres subcomisións de apoio para o desenvolvemento das súas funcións.
Segundo informa a axencia, nun prazo máximo de tres meses crearase unha subcomisión específica no ámbito de Seguridade da Información, que se encargará de aprobar as directrices e instrucións referentes ao devandito ámbito e velar polo seu cumprimento; unha subcomisión de Interoperabilidade e Administración Electrónica, á que lle corresponde propoñer as medias para adaptarse ao Esquema Nacional de Interoperablidade e o seguimento das actuacións para implantar a eAdministración no sector público; e a subcomisión de Presenza Web e Goberno Aberto, que terá entre as súas funcións “difundir a guía de políticas web corporativas, incorporar novos portais e servizos web sociais e propoñer plans de actuación en materia de transparencia e participación cidadá”, engade AMTEGA.
A axencia tamén fai fincapé en datos concretos e obxectivos a curto e medio prazo, entre os que se contan a aprobación do Plan Director de Seguridade da Información, que será a folla de ruta da Xunta de Galicia no eido da e-protección para os vindeiros tres anos e que fixará iniciativas para garantir a seguridade dos sistemas, os datos, as comunicacións e e os servizos electrónicos.
Outro dos obxectivos a curto prazo da Comisión é a aprobación novo Plan de desenvolvemento da Administración e o Goberno dixitais 2014-2020, “que permitirá evolucionar e consolidar as medidas desenvolvidas desde 2010, ano no que se puxo en marcha a primeira estratexia para avanzar cara unha verdadeira Administración Electrónica”, explica a axencia que dirixe Mar Pereira.

PUBLICIDADE