Confirmados preto de 30.000 borradores ante unha nova xeira de problemas técnicos na web da Axencia Tributaria

mércores, 11 de abril do 2012 Redacción

O ano pasado pasou o mesmo e nada hai que indique que agora non aconteza algo semellante, se cabe aínda con máis intensidade. Falamos da posta en marcha, ao abeiro da web da Axencia Tributaria, do prazo para a presentación en liña dos borradores da renda 2011. E falamos tamén dos inevitábeis problemas técnicos, que xa se deron en anos anteriores e que desta volta, con máis xente facendo vida na Rede e querendo usar as vantaxes da eAdministración, semella que se intensificaron un chisco. Segundo informa Efe na prensa galega reflectindo fontes do dito organismo estatal, no primeiro día deste proceso xa se confirmaron preto de 30.000.
Asemade, tamén se lle deu cumprimento a 103.264 solicitudes do sistema REN0, un método para obtermos de contado o borrador e os datos fiscais por Internet. Como dixemos, déronse as inevitábeis incidencias técnicas. Así, a web rebordou perante o fluxo de solicitudes dos contribuíntes, en boa medida co obxectivo de obter canto antes as súas respectivas devolucións (nestes tempos que corren máis necesarias ca nunca). De feito, a estas alturas é moi posíbel que siga colapsada a devandita función REN0, que nos terá agardando durante uns segundos coa esperanza de que estea operativa, e logo deparándonos a mensaxe temida: “Produciuse un problema”. O mesmo ocorre co resto das funcións relativas co borrador. Segundo informa a AEAT, este ano poranse a disposición dos cidadáns 22 millóns de borradores e datos fiscais. Asemade, a previsión é de que oito millóns de persoas aposten por tirarlle partido a REN0. A gran vantaxe disto e de facer tódolos trámites por Internet é que nos achega moita máis rapidez que polas canles habituais, e coa gran vantaxe de que non é preciso facer acto de presenza nas oficinas da Axencia. Por certo que xa podemos solicitar e confirmar o borrador da declaración 2011 dende hoxe e até o vindeiro 2 de xullo.

PUBLICIDADE