Confirmado: as mulleres falan máis… por móbil que os homes

xoves, 9 de setembro do 2010 Raquel Noya

A meirande parte dos estudos sobre lingüística que se levan feito nos últimos anos afirman que as mulleres falan moito máis que homes; unha conclusión que, sen ter que documentarse demasiado calquera persoa un pouco observadora podería ter chegado a ela; agora ben, onde non coinciden os estudos é na cantidade de conversación que xeramos cada un xa que mentres que algúns afirman que elas falan 3 veces máis que eles, outros aseguran que elas pronuncian unha media de 20.000 palabras diarias fronte ás 13.000 deles…
E se isto é así no día a día, á hora de falar por teléfono a cousa non varía demasiado: “as mulleres pasan bastante máis minutos que os homes falando por móbil”; así o vén de confirmar a última estadística de Nielsen sobre usos do móbil nos Estados Unidos, na que se asegura que elas falan por móbil un 22 por cento máis que eles.
Segundo o informe de Nielsen, as mulleres falan 856 minutos ao mes en comparación cos 667 minutos ao mes que falan eles polo móbil; e non só falan, tamén envían un 34 por cento máis de mensaxes de texto.
Nielsen revisou as facturas de 60.000 persoas durante un ano para sacar conclusións como esta, porén o estudo non queda só na diferenciación por sexos, senón que vai máis alá e recolle as tendencias do uso da voz e as mensaxes de texto a través do móbil. Segundo os datos recollidos, as tendencias son cada vez máis opostas segundo os grupos de idade e neste senso a tendencia dos grupos máis mozos a escribir e recibir SMS dispárase respecto ao de falar por teléfono.

PUBLICIDADE