Conectadas 2016 colle pulo con máis obradoiros de alfabetización dixital para mulleres

mércores, 7 de setembro do 2016 Redacción

A Deputación de Pontevedra quere promover a igualdade a través de metodoloxías e ferramentas non discriminatorias, abertas, integradoras, útiles, accesíbeis e universais. Por exemplo as novas tecnoloxías da información. De aí xurdiu o programa de Conectadas 2016, que iniciou esta semana 16 novos obradoiros repartidos entre 12 concellos da provincia: Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Mos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Silleda, Soutomaior, Vigo e Vilaboa. As accións xa encetadas abranguen temáticas moi diversas, que van dende as actividades físicas á artesanía, pasando polas TIC. Precisamente organízase estes días un obradoiro inserido no eido da alfabetización dixital, de fotografía e edición. Conectadas 2016 tamén aborda cuestións como o comercio electrónico ou administración de redes sociais, ademais doutras achegas (o programa está accesíbel en formato PDF).
Como lembraremos, Conectadas ten como obxectivo “potenciar a participación e promoción das mulleres, mellorar a súa formación básica e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, así como o intercambio de experiencias”. Ademais, diríxese a contribuír á mellora da empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, “reducindo a brecha dixital mediante o emprego da información e as novas tecnoloxías da información”.
As actividades estanse a realizar ao longo de 60 concellos da provincia e son máis de 5.000 alumnas e alumnos os que se beneficiarán en total do programa. Cada un dos cursos ten unha duración de 35 horas e precisa un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta.
Conectadas 2016 é unha iniciativa desenvolvida polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

PUBLICIDADE