Conecta PEME leva as axudas a innovación ás empresas de menor tamaño

martes, 17 de setembro do 2013 Redacción

Logo da segunda edición dos fondos FEDER-Innterconecta, as nosas empresas innovadoras teñen ao alcance da man novos e complementarios recursos de apoio para as súas estratexias creativas e de autoimpulso. Falamos de Conecta PEME, un novo programa que mobilizará este ano 25 millóns de euros entre investimento público e privado, e que foi presentado este martes en Santiago polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, ante ducias de compañías na sede da Confederación de Empresarios de Galicia. En virtude destas novas achegas, salientou, máis de 100 pequenas e medianas empresas da nosa terra terán importantes apoios para levar a cabo os seus proxectos.
E engadiu, referíndose aos devanditos fondos Innterconecta, a partir dos que o novo programa traza unha liña de continuidade: “O plan está deseñado para completar o labor dun dos programas clave da innovación galega, o Innterconecta, que nas súas dúas edicións está a mobilizar en Galicia 210 millóns para financiar os proxectos de 400 empresas”. En boa medida, explicou, Conecta PEME xorde para resolver as certas dificultades que algunhas empresas pequenas do noso país teñen para acceder aos apoios de FEDER-Innterconecta. A través do novo programa que achega a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ponse en xogo un mínimo esforzo investidor de 600.000 euros, en troques dos 1,5 millóns do Innterconecta. “Ademais”, engadiu Conde, “dada a actual situación de liquidez, as empresas contarán con apoios desde o primeiro momento, sen esperar a resolver as trabas burocráticas para acadar a axuda do Goberno galego”. Desta maneira, indicouse, GAIN aportará un financiamento de entre o 50% e o 80% do total dos proxectos, e uns anticipos do 50% da súa axuda.

PUBLICIDADE