Condenan a un blogueiro por xogar a Pokémon Go nunha igrexa

xoves, 11 de maio do 2017 Marcus Fernández

Durante o pasado verán puidemos ver como o fenómeno de Pokémon Go levaba a moita xente a entrar en propiedades privadas ou en locais públicos como igrexas ou comisarías de policía na procura dalgunha criatura virtual, pero os incidentes que xurdiron foron de pouca importancia, especialmente se os comparamos co do blogueiro ruso Ruslan Sokolovsky, que vén de ser condenado a prisión por incitar ao odio relixioso por usar o xogo de realidade aumentada nunha igrexa.
Sokolovsky publicara o ano pasado un vídeo no seu blog no que podía vérselle entrando nunha igrexa para xogar a Pokémon Go, o que ocasionou que estivese baixo arresto dende o mes de outubro, e a xuíza Yekaterina Shoponyak atopou ao blogueiro culpable e condenouno a 3 anos e medio de cadea, na liña do que acontecera co grupo Pussy Riot en 2012.
A xuíza considera clara a intención de ofender do blogueiro de 22 anos, que non só xogou a Pokémon Go nun templo, senón que tamén subiu varios vídeos que poderían ofender aos crentes, facendo burla de conceptos relixiosos, negando a existencia de Xesús e Mahoma, ou incluso definindo de xeito ofensivo ao patriarca da Igrexa Rusa Ortodoxa.
Socialmente a sentenza está a ser moi criticada, por semellar que se condena o ateísmo, que curiosamente era maioritario na Unión Soviética.

Vídeo no que podemos ver ao mozo ruso xogando a Pokémon Go nunha igrexa

PUBLICIDADE