Condenan a cadea aos responsables dun grupo de distribución de apps piratas para Android

martes, 25 de marzo do 2014 Marcus Fernández

O Departamento de Xustiza dos EE.UU. anunciou a primeira condena nos EE.UU. por distribuír aplicacións móbiles pirateadas. Nicholas Anthony Narbone, de 26 anos, foi declarado culpable onte por conspiración para infrinxir o copyright, mentres que o seu socio, Thomas Allen Dye, de 21 anos, tamén fora declarado culpable polos mesmos cargos o pasado 10 de marzo, de xeito que ambos terían que ingresar na cadea o 8 de xullo e o 12 de xuño respectivamente (con condenas de 5 anos cada un).
Estes cidadáns do estado de Florida formaban parte do grupo Appbucket, que reproducían e distribuíran máis de un millón de copias de aplicacións para Android a través dunha tenda de descargas alternativa, de xeito que carecían dos dereitos dos propietarios das aplicacións (valoradas en máis 700.000 dólares).
Na causa contra Appbucket participaron o FBI e a División Criminal do Departamento de Xustiza, entidade esta última dende a que aseguran que “están a facer da loita contra os delitos de propiedade intelectual unha prioridade, e estes encarceramentos demostran a nosa determinación para perseguir aos que minan a innovación allea novas tecnoloxías”.

PUBLICIDADE