Condenan a Texvigo por plaxio dunha aplicación informática

mércores, 5 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A empresa viguesa AIG (Asesoría Informática Galega) vén de conseguir unha importante vitoria xudicial, pois tras denuncia o plaxio de Classicfashion, aplicación informática para a xestión do sector téxtil, condénase a un ano de cadea a José Antonio B.F., presidente de Texvigo; a outro empresario da cooperativa, Alejandro Pastor P.J.; e ao xerente dunha firma de informática, Alberto B.S., por un delito contra a propiedade intelectual, absolvendo a maxistrada ao resto de imputados ao non quedar acreditada a súa participación no pirateo. O prexuízo causado por este delito valorouse en 125.000 euros.
Esta sentenza debería servir para espertar unha maior conciencia sobre o valor das propiedades intelectual e industrial, para recoñecer o labor de creación do software, que no caso que nos ocupa trátase do froito de 3 anos de traballo que foi usurpado polos condenados.
Dende AIG amosan a súa satisfacción pola sentencia condenatoria para 3 dos 8 acusados, aínda que discrepan da valoración dos danos (pedían 2 millóns de euros).
Lembremos que este caso provén dunha longa investigación da que desprendeuse que dende Texvigo adquiriran licenzas de uso da aplicación Classicfashion de AIG para a súa instalación en varias empresas, para despois modificalo para supostamente corrixilo, chegando incluso a pedir subvencións de fondos FEDER en base á aplicación de AIG. Para a modificación do software accederon ao código fonte do programa descompilándoo, eliminando logo as referencias ao seu copyright orixinal, incorporándolle logotipos da Xunta e mudándolle o nome por XMODA. Dende Texvigo aseguraban que non fixeran tal con ánimo de lucro e que era só unha medida transitoria á espera de que a Universidade de Vigo desenvolvese unha aplicación para facer as súas funcións.

PUBLICIDADE