Conde e Argerey reúnense con Boeing para afianzar a presenza da compañía na nosa terra

luns, 24 de abril do 2023 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantivo este 24 de abril, en Santiago, un encontro con Patty Chang Chien, vicepresidenta de Boeing Research & Technology, co obxectivo de abordar o marco de colaboración con esta compañía, materializado a través do Polo Aeroespacial de Galicia. Na xuntanza tamén participaron outros representantes de Boeing, ademais, da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.
Conde e Argerey agradeceron a Boeing a colaboración que está desenvolvendo desde o ano 2019 como un dos socios tecnolóxicos que está permitindo desenvolver os diferentes programas. O conselleiro de Economía sinalou que desde Galicia se está a traballar “para que no futuro Boeing poida permanecer e polo tanto se poida implicar nun proxecto que ten presentado”, e que, “a través dos fondos Next Generation poida ter a súa oportunidade”.
Segundo engadiu, “como socio tecnolóxico e industrial da Xunta desde 2019, a colaboración de Boeing foi determinante para que hoxe o CIAR de Rozas dispoña dun simulador de continxencias e do equipamento máis avanzado en Europa para a simulación de voos con vehículos aéreos non tripulados, que foi o campo no que centrou as súas investigacións”. Amais, lembrou que tamén se están a desenvolver outras iniciativas con Boeing, como a Aula Newton na Tecnópole, ou a colaboración que manteñen coa Escola de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade de Vigo.
O vicepresidente primeiro apuntou que “Boeing é especialista no eido global para garantir a xestión de tráfico de avións tripulados e non tripulados” e “hai unha oportunidade para que siga traballando en Galicia neste tipo de proxectos”. Conde incidiu en que “a súa colaboración está sendo crucial para consolidar tecnoloxía e para consolidar talento”, así como para seguir colaborando con pequenas e medianas empresas e centros tecnolóxicos galegos.

PUBLICIDADE