Conde destaca o talento e a innovación de UARX Space

venres, 14 de abril do 2023 S. P.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou este venres 14 de abril a sede (en Nigrań, Pontevedra) da compañía UARX Space, que segundo fixo saber Conde, exemplifica o coñecemento, talento e innovación da industria aeroespacial de Galicia.
Segundo lembrou, a empresa, unha startup fundada en 2020 e especializada no transporte de satélites a órbita, foi seleccionada pola Axencia Espacial Europea para participar no primeiro lanzamento do seu foguete de nova xeración Ariane 6 en decembro deste ano. “Isto”, destacou, “vaille permitir realizar o primeiro voo real dun dos seus dispositivos e suporá un salto cualitativo no seu desenvolvemento polo valor de demostración que terá no mercado”.
UARX Space forma parte do ecosistema de I+D+i que hai arredor do Polo Aeroespacial de Galicia, impulsado dende a axencia GAIN (Consellería de Economía) e traballa establecendo colaboracións estratéxicas con empresas, centros de coñecemento e entidades de referencia no sector.
A aposta que Galicia está a facer polo Polo Aeroespacial abrangue a colaboración coas grandes empresas tractoras do sector, como os novos socios industriais da Xunta (Airbus, Avincis e Telespazio) e tamén á industria máis innovadora, ensanchando a base deste sector industrial e impulsando o seu liderado tecnolóxico.

PUBLICIDADE